mércores, 23 de abril de 2014

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR

O 23 de abril é o Día do Libro e dos Dereitos de Autor xa que esta data coincide coa data da morte de Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega (1616). A Conferencia Xeral da UNESCO en 1995, decidiu rendir unha homenaxe universal aos libros e autores nesta data animando a todos, e en especil aos máis novos a descubrir o pracer pola lectura. Dende a Biblioteca do noso IES queremos celebralo facendo unha exposición de ilustracións de moi diversos libros e que ides atopala na árbore que está na entrada do centro.Entre todas esas ilustracións atópase unha moi especial para nós, realizada por José Tomás para o libro de Sabela "O agasallo de Anya". Agardamos que vos guste. Aquí vos deixamos tamén as imaxes do marcapáxinas co que a Consellaría de Educación agasalla este ano ás Bibliotecas escolares de Galicia e que leva incluído un texto de Paco Martín.
O código secreto que permite o acceso á sala de mandos da nave espacial exploradora de futuros itinerarios siderais. A bambeante escada de corda e táboas coa que abordar o áxil bergantín no que sucar mares ignotos na procura do eterno tesouro da ilusión. A estribeira na que pousar o pé para cabalgar o airoso alazán de galope tendido cara ao horizonte promisorio. A fiestra aberta ao ar vivificador, franca aos saberes, ao pensamento diverso, ao voo da imaxinación, á descuberta venturosa de novos mundos, ao espello substancial do propio ser.... O libro!

Ningún comentario:

Publicar un comentario