luns, 30 de xuño de 2014

VIDEO RESUMO DAS VII XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA COMPOSTELA XUÑO 2014


Vídeo resumo do que foi a VII Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o 6 de xuño de 2014, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes en 215 centros de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, da Comunidade Autónoma de Galicia. Organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do programa LÍA (Bibliotecas Escolares e Fomento da lectura en contexto educativo), dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado.

venres, 20 de xuño de 2014

LECTURAS VERÁN 2014

O Equipo da biblioteca do instituto quere recomendarvos ás familias unhas lecturas axeitadas ás idades dos vosos fillos e fillas, para que neste período vacacional dediquen un rato do seu tempo de lecer á lectura, actividade sumamente importante no seu proceso e progreso académico.

PARA 1º E 2º ESO


-      “O Castañeiro de Abril” de Antonio Manuel Fraga. Xerais.
Baltasar é un neno cego e orfo de nai, que vive cunhas tías, e que, co desexo de reunirse co seu pai, vende na praza dos Zoqueiros bailarina se soldadiños de madeira feitos po rel mesmo, ata que un día se atopa con Abril...
-      “El rostro de la sombra” de Gómez Cerdá. SM.
Adrián e os seus amigos teñen unha boa idea. En menos de 24 horas, o seu vídeo é o máis visto da rede. Pero, pensaron nas consecuencias do que fixeron?
-      “O neno can” de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Galaxia.
Libro de relatos sobre nenos e nenas coma os demais, pero aos que se lles nega o dereito ao máis básico. Os textos que abren cada conto son adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia. Un magnífico libro para ler, gozar e sobre todo reflexionar.
-      “El anticlub” de Ángel Blanch. La Galera.
Un grupo de nove compañeiros de clase xúntanse para formar un club. A súa intención é loitar contra as inxustizas. Estas “accións anti” úneos máis que ningunha outra cousa.

-      “Estamos no verán” de Charo Pira e Xoán Curiel. Galaxia.
Novela-disco que nace da colaboración entre a escritora Charo Pita e o músico Xoán Curiel. En forma de diario, cóntasenos a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu soño: ter un grupo de música...
-      “El clan de Atapuerca. La maldición del Hombre Jaguar” de Álvaro Bermejo. Anaya.
Desde os xacementos de Atapuerca atraparanos esta narración do que lle acontece a catro adolescentes xunto co misterioso talismán de ollos de lume.
-      “Volvo! O regreso de Usha”, de María Reimondez. Xerais.
Novas aventuras de Usha e os seus amigos na aldea de Devastana.
-      “Alaia e a Deusa” de Tomás González Ahola.
Alaia, unha moza da tribo das nerios, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais.



                                   PARA 3º E 4º ESO

-      “Cazadores de sombras 5: La ciudad de las almas perdidas” de Cassandra Clare. Destino.
Quinta entrega da exitosa saga de “Cazadores de sombras”, unha fantasía urbana na que se dan cita vampiros, demos, fadas, homes-lobo... e, como non, un apaixonado romance e moita, moita acción.
-      “Flor de area” de Manuel Lourenzo González. Xerais.
Historia de unha moza iraquí que se atreveu a rachar coa tradición, nun país en guerra e baixo a dominación estranxeira.
-      “O país adormentado” de Xabier P. Docampo. Xerais.
Os habitantes do país de Glearim recibiron o don de non morrer mentres dormen. Será posible liberar o país da pasividade que fixo da bendición de non morrer a maldición de non vivir?
-      “Ámote Leo A.: Destino Xalundes” de Rosa Aneiros. Xerais.
Leo quere coñecer mundo e, despois de que os seus amigos se botarán atrás, ela decide marchar: O Cairo e Istambul serán as primeiras paradas desta apaixonante viaxe, pero nos lugares máis insospeitados aparece unha enigmática pintada: “Ámote, Leo A.”.

-      “Silencio” de Fran Alonso. Xerais.
Un xornalista galego duramente castigado polo poder ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, configúrase esta novela de suspense...
-      “Yo soy Malala” de Malala Yousafzai. Alianza Editorial.
Un exemplo de loita pola educación das nenas na sociedade paquistaní que privilexia aos fillos varóns.
-      “O corazón de Xúpiter” de Ledicia Costas. Xerais.
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto.
-      “Nadie como tú” de J. A. Redmerski. Planeta.
Camryn ten vinte anos e está a piques de entrar nunha nova etapa da súa vida. Ten moitas ganas de ser ela mesma, de ser completamente independente, de deixar de ser unha nena para ser muller e dona do seu destino.



                               BOAS LECTURAS E BO VERÁN!!!



LECTURAS PARA O VERÁN ESO



xoves, 5 de xuño de 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Sensibilizar e motivar á sociedade para que se involucre na conservación do medio natural é o obxectivo co que naceu esta efeméride. Hoxe día 5 de xuño, coma cada día do ano, temos unha obriga co noso planeta.



mércores, 4 de xuño de 2014

OBRADOIRO DE RECICLADO

Onte martes, en sesión de tarde celebrouse no IES un obradoiro medioambiental que consistiu en reciclar papel de xornais para facer distintas figuriñas : mariquiñas, flores, tartarugas... O alumnado do centro participou nesta actividade que coordinou o Departamento de Bioloxía e Ciencias Naturais xunto coa Biblioteca. Esta actividade enmárcase dentro da celebración do Día Mundial do Medioambiente o día 5 de xuño.