xoves, 2 de outubro de 2014

QUENTANDO MOTORES

Estamos de volta, tratando de organizalo todo o máis rápido posíbel para que axiña poidades tod@s gozar dos novos proxectos e as novas actividades que neste curso 2014-2015 vos ten preparado a Biblioteca: os clubs de lecturas, o  Ler todos xuntos, os novos carnéts de lectores para todo o mundo. Imos de a pouco porque este ano hai novas incorporacións ao equipo de biblioteca e hai que poñerse ao día.

 Novamente, a  Asesoría das Bibliotecas Escolares enviounos o  cartaz das bibliotecas para este curso que leva por lema:


                                      Biblioteca escolar..... matemático!!!


A ilustración corresponde coa interpretación que do lema fixo David Pintor.




luns, 29 de setembro de 2014

V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Un ano máis, ábrese o prazo para a inscrición nas Xornadas de Bibliotecas Escolares; este ano imos pola quinta edición. Serán en Compostela, no Pazo de Congresos e celebraranse os días 7 e 8 de novembro de 2014. Até o día 12 de outubro estará aberto dito prazo de inscrición.
Estas xornadas, veñen sendo unha cita anual co profesorado que mantén a xestión das bibliotecas nos centros e onde se poden compartir experiencias do máis gratificante.
O noso centro, estará representado pola coordinadora da biblioteca Elena Aller.


Cartel das V Xornadas de Bibliotecas Escolares

DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN

Coincidinco co Día Internacional da Tradución que se celebra o 30 de setembro, a biblioteca do centro quere celebralo cun motivo moi especial: a chegada ao noso centro de profesorado e alumnado de  Bulgaria, Estonia, polonia e Turquía, como froito dun intercambio que, desde o curso pasado, o noso instituto está a levar adiante no marco do programa Erasmus. Estarán connosco unha semana e o equipo da biblioteca quixo darlles a benvida cuns cartaces que se colocaron na entrada do centro.
cuns cartaces que se colocaron na entrada do centro.



mércores, 17 de setembro de 2014

BENVID@S AO NOVO CURSO 2014-2015

Benvid@s ao novo curso 2014-2015!! Aquí estamos de novo, outro ano e outro curso máis; un novo comezo, novas sorpresas e ledicias, novos encontros. Queremos darvos a benvida a toda a comunidade educativa, ás nais e pais, aos alumn@s que xa estabades nos cursos anteriores e especialmente ao novo alumnado de 1º ESO así coma ao  profesorado novo que se incorpora ao centro neste curso.
Agardamos con ilusión que nos visitedes moito e que fagades o maior uso de todo canto a biblioteca pode ofrecervos.


                        "Si tienes una biblioteca con jardín, lo tienes todo" (Cicerón)


martes, 1 de xullo de 2014

BO VERÁN!!!

O Equipo de Biblioteca do IES Enrique Muruais quere desexarvos un verán cheo de experiencias interesantes e... NON ESQUEZADES LER!!



luns, 30 de xuño de 2014

VIDEO RESUMO DAS VII XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA COMPOSTELA XUÑO 2014


Vídeo resumo do que foi a VII Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o 6 de xuño de 2014, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes en 215 centros de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, da Comunidade Autónoma de Galicia. Organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do programa LÍA (Bibliotecas Escolares e Fomento da lectura en contexto educativo), dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado.

venres, 20 de xuño de 2014

LECTURAS VERÁN 2014

O Equipo da biblioteca do instituto quere recomendarvos ás familias unhas lecturas axeitadas ás idades dos vosos fillos e fillas, para que neste período vacacional dediquen un rato do seu tempo de lecer á lectura, actividade sumamente importante no seu proceso e progreso académico.

PARA 1º E 2º ESO


-      “O Castañeiro de Abril” de Antonio Manuel Fraga. Xerais.
Baltasar é un neno cego e orfo de nai, que vive cunhas tías, e que, co desexo de reunirse co seu pai, vende na praza dos Zoqueiros bailarina se soldadiños de madeira feitos po rel mesmo, ata que un día se atopa con Abril...
-      “El rostro de la sombra” de Gómez Cerdá. SM.
Adrián e os seus amigos teñen unha boa idea. En menos de 24 horas, o seu vídeo é o máis visto da rede. Pero, pensaron nas consecuencias do que fixeron?
-      “O neno can” de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Galaxia.
Libro de relatos sobre nenos e nenas coma os demais, pero aos que se lles nega o dereito ao máis básico. Os textos que abren cada conto son adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia. Un magnífico libro para ler, gozar e sobre todo reflexionar.
-      “El anticlub” de Ángel Blanch. La Galera.
Un grupo de nove compañeiros de clase xúntanse para formar un club. A súa intención é loitar contra as inxustizas. Estas “accións anti” úneos máis que ningunha outra cousa.

-      “Estamos no verán” de Charo Pira e Xoán Curiel. Galaxia.
Novela-disco que nace da colaboración entre a escritora Charo Pita e o músico Xoán Curiel. En forma de diario, cóntasenos a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu soño: ter un grupo de música...
-      “El clan de Atapuerca. La maldición del Hombre Jaguar” de Álvaro Bermejo. Anaya.
Desde os xacementos de Atapuerca atraparanos esta narración do que lle acontece a catro adolescentes xunto co misterioso talismán de ollos de lume.
-      “Volvo! O regreso de Usha”, de María Reimondez. Xerais.
Novas aventuras de Usha e os seus amigos na aldea de Devastana.
-      “Alaia e a Deusa” de Tomás González Ahola.
Alaia, unha moza da tribo das nerios, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais.



                                   PARA 3º E 4º ESO

-      “Cazadores de sombras 5: La ciudad de las almas perdidas” de Cassandra Clare. Destino.
Quinta entrega da exitosa saga de “Cazadores de sombras”, unha fantasía urbana na que se dan cita vampiros, demos, fadas, homes-lobo... e, como non, un apaixonado romance e moita, moita acción.
-      “Flor de area” de Manuel Lourenzo González. Xerais.
Historia de unha moza iraquí que se atreveu a rachar coa tradición, nun país en guerra e baixo a dominación estranxeira.
-      “O país adormentado” de Xabier P. Docampo. Xerais.
Os habitantes do país de Glearim recibiron o don de non morrer mentres dormen. Será posible liberar o país da pasividade que fixo da bendición de non morrer a maldición de non vivir?
-      “Ámote Leo A.: Destino Xalundes” de Rosa Aneiros. Xerais.
Leo quere coñecer mundo e, despois de que os seus amigos se botarán atrás, ela decide marchar: O Cairo e Istambul serán as primeiras paradas desta apaixonante viaxe, pero nos lugares máis insospeitados aparece unha enigmática pintada: “Ámote, Leo A.”.

-      “Silencio” de Fran Alonso. Xerais.
Un xornalista galego duramente castigado polo poder ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, configúrase esta novela de suspense...
-      “Yo soy Malala” de Malala Yousafzai. Alianza Editorial.
Un exemplo de loita pola educación das nenas na sociedade paquistaní que privilexia aos fillos varóns.
-      “O corazón de Xúpiter” de Ledicia Costas. Xerais.
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto.
-      “Nadie como tú” de J. A. Redmerski. Planeta.
Camryn ten vinte anos e está a piques de entrar nunha nova etapa da súa vida. Ten moitas ganas de ser ela mesma, de ser completamente independente, de deixar de ser unha nena para ser muller e dona do seu destino.



                               BOAS LECTURAS E BO VERÁN!!!



LECTURAS PARA O VERÁN ESO



xoves, 5 de xuño de 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Sensibilizar e motivar á sociedade para que se involucre na conservación do medio natural é o obxectivo co que naceu esta efeméride. Hoxe día 5 de xuño, coma cada día do ano, temos unha obriga co noso planeta.



mércores, 4 de xuño de 2014

OBRADOIRO DE RECICLADO

Onte martes, en sesión de tarde celebrouse no IES un obradoiro medioambiental que consistiu en reciclar papel de xornais para facer distintas figuriñas : mariquiñas, flores, tartarugas... O alumnado do centro participou nesta actividade que coordinou o Departamento de Bioloxía e Ciencias Naturais xunto coa Biblioteca. Esta actividade enmárcase dentro da celebración do Día Mundial do Medioambiente o día 5 de xuño.