luns, 30 de xuño de 2014

VIDEO RESUMO DAS VII XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA COMPOSTELA XUÑO 2014


Vídeo resumo do que foi a VII Xornada dos Clubs de Lectura, celebrada en Santiago de Compostela o 6 de xuño de 2014, con asistencia do profesorado que coordina os clubs de lectura existentes en 215 centros de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, da Comunidade Autónoma de Galicia. Organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do programa LÍA (Bibliotecas Escolares e Fomento da lectura en contexto educativo), dependente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado.

venres, 20 de xuño de 2014

LECTURAS VERÁN 2014

O Equipo da biblioteca do instituto quere recomendarvos ás familias unhas lecturas axeitadas ás idades dos vosos fillos e fillas, para que neste período vacacional dediquen un rato do seu tempo de lecer á lectura, actividade sumamente importante no seu proceso e progreso académico.

PARA 1º E 2º ESO


-      “O Castañeiro de Abril” de Antonio Manuel Fraga. Xerais.
Baltasar é un neno cego e orfo de nai, que vive cunhas tías, e que, co desexo de reunirse co seu pai, vende na praza dos Zoqueiros bailarina se soldadiños de madeira feitos po rel mesmo, ata que un día se atopa con Abril...
-      “El rostro de la sombra” de Gómez Cerdá. SM.
Adrián e os seus amigos teñen unha boa idea. En menos de 24 horas, o seu vídeo é o máis visto da rede. Pero, pensaron nas consecuencias do que fixeron?
-      “O neno can” de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Galaxia.
Libro de relatos sobre nenos e nenas coma os demais, pero aos que se lles nega o dereito ao máis básico. Os textos que abren cada conto son adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia. Un magnífico libro para ler, gozar e sobre todo reflexionar.
-      “El anticlub” de Ángel Blanch. La Galera.
Un grupo de nove compañeiros de clase xúntanse para formar un club. A súa intención é loitar contra as inxustizas. Estas “accións anti” úneos máis que ningunha outra cousa.

-      “Estamos no verán” de Charo Pira e Xoán Curiel. Galaxia.
Novela-disco que nace da colaboración entre a escritora Charo Pita e o músico Xoán Curiel. En forma de diario, cóntasenos a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu soño: ter un grupo de música...
-      “El clan de Atapuerca. La maldición del Hombre Jaguar” de Álvaro Bermejo. Anaya.
Desde os xacementos de Atapuerca atraparanos esta narración do que lle acontece a catro adolescentes xunto co misterioso talismán de ollos de lume.
-      “Volvo! O regreso de Usha”, de María Reimondez. Xerais.
Novas aventuras de Usha e os seus amigos na aldea de Devastana.
-      “Alaia e a Deusa” de Tomás González Ahola.
Alaia, unha moza da tribo das nerios, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais.



                                   PARA 3º E 4º ESO

-      “Cazadores de sombras 5: La ciudad de las almas perdidas” de Cassandra Clare. Destino.
Quinta entrega da exitosa saga de “Cazadores de sombras”, unha fantasía urbana na que se dan cita vampiros, demos, fadas, homes-lobo... e, como non, un apaixonado romance e moita, moita acción.
-      “Flor de area” de Manuel Lourenzo González. Xerais.
Historia de unha moza iraquí que se atreveu a rachar coa tradición, nun país en guerra e baixo a dominación estranxeira.
-      “O país adormentado” de Xabier P. Docampo. Xerais.
Os habitantes do país de Glearim recibiron o don de non morrer mentres dormen. Será posible liberar o país da pasividade que fixo da bendición de non morrer a maldición de non vivir?
-      “Ámote Leo A.: Destino Xalundes” de Rosa Aneiros. Xerais.
Leo quere coñecer mundo e, despois de que os seus amigos se botarán atrás, ela decide marchar: O Cairo e Istambul serán as primeiras paradas desta apaixonante viaxe, pero nos lugares máis insospeitados aparece unha enigmática pintada: “Ámote, Leo A.”.

-      “Silencio” de Fran Alonso. Xerais.
Un xornalista galego duramente castigado polo poder ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, configúrase esta novela de suspense...
-      “Yo soy Malala” de Malala Yousafzai. Alianza Editorial.
Un exemplo de loita pola educación das nenas na sociedade paquistaní que privilexia aos fillos varóns.
-      “O corazón de Xúpiter” de Ledicia Costas. Xerais.
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto.
-      “Nadie como tú” de J. A. Redmerski. Planeta.
Camryn ten vinte anos e está a piques de entrar nunha nova etapa da súa vida. Ten moitas ganas de ser ela mesma, de ser completamente independente, de deixar de ser unha nena para ser muller e dona do seu destino.



                               BOAS LECTURAS E BO VERÁN!!!



LECTURAS PARA O VERÁN ESO



xoves, 5 de xuño de 2014

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Sensibilizar e motivar á sociedade para que se involucre na conservación do medio natural é o obxectivo co que naceu esta efeméride. Hoxe día 5 de xuño, coma cada día do ano, temos unha obriga co noso planeta.



mércores, 4 de xuño de 2014

OBRADOIRO DE RECICLADO

Onte martes, en sesión de tarde celebrouse no IES un obradoiro medioambiental que consistiu en reciclar papel de xornais para facer distintas figuriñas : mariquiñas, flores, tartarugas... O alumnado do centro participou nesta actividade que coordinou o Departamento de Bioloxía e Ciencias Naturais xunto coa Biblioteca. Esta actividade enmárcase dentro da celebración do Día Mundial do Medioambiente o día 5 de xuño.





luns, 19 de maio de 2014

DÍA INTERNACIONAL DA LIBERDADE DE PRENSA





CHARLA COLOQUIO A CARGO DE:



 ANXO RIVAS PARDEIRO (XORNALISTA DE RADIO FOZ)

JAIME CANCIO RODRÍGUEZ (PROFESOR DE F.P. E POLÍTICO)



         DATA: XOVES 22 DE MAIO

         HORA: 12,30 - 14,10

       

          AULA DE AUDIOVISUAIS



PARA TODO O ALUMNADO DO CENTRO, AGÁS 2º DE BACHARELATO

luns, 5 de maio de 2014

XORNADA DE INTERCAMBIO IES ENRIQUE MURUAIS - IES ILLA DE SARÓN

PROGRAMA



10:20  Chegada do alumnado do IES Illa de Sarón.

10:20 -10:50 Recepción e presentación do noso centro e contorna na aula de audiovisuais.


11:00 -13:30  Chegada aos Fornos. Recepción pola Concelleira de Turismo. Explicación sobre a orixe da vila e dos Fornos. Roteiro pola vía verde do antigo ferrocarril mineiro.

13:30 – 14:30  Xantar campestre na área recreativa de Saldoira.


14:30 – 15:30  Volta camiñando á Pontenova.

15:30 – 15:45  Chegada á Casa da Cultura e entrada.


16:10 – 17:30  Concerto de Sés.


          17:30 – 17:50  Volta ao instituto e despedida.






         Organizan: Biblioteca, EDL e Dpto. de Orientación IES Enrique Muruais





















venres, 2 de maio de 2014

SÉS EN CONCERTO NO IES ENRIQUE MURUAIS

Queriamos darvos unha sorpresa e por iso, esperamos case ao último...María Xosé Silvar, ou o que é o mesmo, SÉS, estará connosco o día 6 de maio na Casa da Cultura en concerto para todo o alumnado do centro.Será pola tarde, ás 16 horas e non estaremos s@s porque ese día coincide coa visita do IES Illa de Sarón de Xove que tamén van asistir aproveitando que se atopan na Pontenova. Esta actividade, programouse polo Equipo de Dinamización da Lingua dentro da celebración do Día das Letras Galegas xunto co Departamento de Orientación e a Biblioteca do centro. As persoas que formamos parte destes Departamentos, estamos seguras de que vai ser unha xornada especial para vós e na que ides pasalo moi, moi ben. Agora a poñervos as pilas e a pasalo ben coa música de Sés.

venres, 25 de abril de 2014

INTERCAMBIO DOS CLUBS DE LECTURA IES ENRIQUE MURUAIS - IES DE SARÓN DE XOVE

Unha das actividades que a Biblioteca escolar programou xunto do EDL e o Departamento de Orientación neste curso para os clubs de lectura, foi a dun intercambio co IES Illa de Sarón de Xove. O alumnado da ESO e de 1º de BACH pertencente a estes clubs, mantiveron correspondencia por medio de emails, whatssap e redes sociais co alumnado de Xove para coñecerse.O día 6 de maio poderán coñecerse in situ porque o IES de Xove visita o noso centro e máis tarde, o día 20 de maio será o noso centro o que lle devolva a visita ao IES Illa de Sarón.As profesoras que formamos parte do grupo de Biblioteca e dos clubs de lectura, estamos seguras de que esta, vai ser unha experiencia, ademais de enriquecedora, moi desexada por parte do alumnado ao teren a posibilidade de coñecer nenas e neos das súas idades e poder iniciar unha amizade que desexamos sexa duradeira. Dentro duns días, poñeremos aquí o programa que imos levar a cabo para ese primeiro día de reencontro.

xoves, 24 de abril de 2014

EXPOSICIÓN DE ILUSTRACIÓNS POLO DÍA MUNDIAL DO LIBRO

E aquí tedes unha mostra das ilustracións que estes días está exposta na entrada do centro, na arboriña que este ano a biblioteca ten para colgar os traballos das actividades que se fan durante este curso 2013-2014. Non son as únicas...haberá máis que cada día iremos engadindo ás que xa hai.Son ilustracións de profesionais moi recoñecidos coma David Vela, Xosé Tomás,Jacobo Muñiz, María Simavilla e outr@s. Agardamos que vos gusten.